jueves, 10 de octubre de 2019

A historia de Marina e Mariño

Le despaciño, con atención, boa entonación e logo contesta.

A historia de Mariña e Mariño.

Só estaba Mariña, que era toda feita de auga. E Mariño que era todo feito de sal. Mariña e Mariño amábanse, pero Sol, que tamén estaba namorado da gran beleza de Mariña, xurara que sería para el ou para ninguén. Ademais Vento tamén estaba namorado de Mariña e tramaba a forma de quedar con ela.

Cando Mariña e Mariño se decataron de todo isto decidiron fuxir. Unha noite cando Sol durmía e vento roncaba, fuxiron: fuxiron polos vales, polas chairas, polos desertos, polos acantilados, polos precipicios, polas montañas... Cando Sol se espertou deuse conta do sucedido e decidiu ir en busca dos fuxitivos, seguindo as súas pegadas. Cara ao occidente partiu veloz.

Cando vento viu que o sol corría en dirección ao Oeste, contrario ao que sempre fixera, sospeitou o que acontecía e tamén saíu detrás deles. Alá alcanzáronos no fondo dun inmenso val. Cando os amantes se viron acorralados e perdidos, abrazáronse fortemente e déronse un bico. Ese abrazo foi tan forte, tan forte... tanto, tanto, que os seus corpos se fundiron nun só, un inmenso corpo de auga e sal, masculino e feminino, un ser  fermoso, forte,ondeante, vibrante.
O mar chámano uns,a mar chámano outros. E ese bico foi tan intenso, tan apaixonado, que se fecundaron. Alí naceron os peixes de cores, as luras, as estrelas das profundidades e as do ceo, os cabaliños de mar e os dos campos.

O vento, cheo de rabia, ordenou os seus fillos, as aves, que devoraran os fillos do mar. Sol tiña o seu ás baixo a manga, el sabía como atraer a Mariña cara a si. Empezou a quentar, a quentar, a despeder os seus potentes raios sobre o Mar. Mariña non sabía por que o seu corpo se ía volvendo livián, suave e empezou a ascender, a ascender cara ao sol.

De nada lle serviu a Mariña facer resistencia, patexar, aferrarse a Mariño, chorar desesperada... o seu corpo ascendía irremediablemente cara ao sol.

Vento, que xurara que prefería vela morta que nos brazos doutro, soprou fortemente para estrelar Mariña contra as montañas e que así o seu corpo se esnaquizase. Ao chocar coas montañas, aconteceu o milagre: o corpo de Mariña caía suavemente en forma de chuvia, fecundando a terra, enchéndoa de verdor, de cores, de bolboretas, de paxariños, mentres ela baixaba serpeando polos surcos da montaña, enchéndoo todo de vida e cantando alegre ata os brazos do seu amado O Mar.

É por iso, din os antepasados, que ás veces cando choramos de tristura, ou de felicidade, porque tamén se pode chorar de felicidade inmensa, nos sae do rostro unha auga salgada, para recordarnos sempre, que estamos feitos de Auga, sal... e PURO AMOR.

Actividade para facer na libreta

1-. Cal é o nome dos protagonistas principais?
2-. E dos protagonistas secundarios?
3-. Que pretendían os inimigos dos namorados?
4-. Que crearon Mariña e Mariño co seu amor?
5-. Como se volveron xuntan Mariña e Mariño?

No hay comentarios:

Publicar un comentario